Friday 03 de May de 2024

O Concello de Moeche abre o prazo de comunicación previa das fogueiras do San Xoán e o San Pedro


Non se autorizarán as cacharelas en espazos públicos nin tampouco nos privados abertos ao público en xeral

Nuns días estaremos ao pé das lumeiradas coa familia, as amizades e a veciñanza. Debemos lembrar que xa se pode presentar no Concello a obrigada comunicación previa da realización das fogueiras, para indicar onde e cando a imos facer. O Concello remitiralle esta comunicación ao Distrito Forestal, aínda que este ano só se autorizarán aquelas que se celebren en espazos privados.

Neste 2020 a tradición do lume de San Xoán ou do San Pedro, coas sardiñas ou o churrasco , vén marcada, como todas as festas e eventos, pola situación de crise sanitaria en que vivimos. Malia isto, as lumeiradas que non teñan carácter público, é dicir, as que se fagan en propiedades privadas e que cumpran coas normas sanitarias e de precaución ditadas polo Goberno do Estado e pola Xunta de Galicia, poderán facerse. Non se autorizarán estas celebracións do san Xoán ou o San Pedro coas tradicionais lumeiradas, en espazos públicos ou nos privados abertos ao público en xeral.

Coma calquera outro ano hai que comunicar a realización do lume de San Xoán e hai que facelo a través do documento que ofrece o Concello. Débese entregar no rexistro municipal, ben presencialmente de luns a venres, de 8.30 a 14.00 horas , ou ben na sede electrónica de www.moeche.gal.

É obrigado adoptar determinadas precaucións así como as medidas de seguridade necesarias indicadas no Decreto 105/2006, do 22 de xullo, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, e demais normativa vixente neste eido.
Cómpre destacarmos que estamos obrigados a:
– Antes de comezar , debemos limpar de calquera material combustible unha franxa de 5 metros arredor da fogueira e nunca preto de espazos con vexetación ou tendidos da luz ou do teléfono.
– Non facer a lumeirada se vai, moito vento antes de comezar ou unha vez acendido o lume, ou tamén se as condicións meteorolóxicas sexan adversas.
– Débese viciar permanentemente o lume mentres estea acceso , incluso se hai brasas.
– Débese contar cos medios- auga suficiente- e persoas para controlar o lume
– Por sentido común, antes de abandonar o espazo, o lume debe estar totalmente apagado.
– Teléfono ao que chamar por se xorde algunha incidencia: 085 ou 112.